Thursday 16 de May de 2024

Un total de 185 obras presentadas ata o momento ao concurso animarte na casa de apoio ao comercio e a hostalería de Ribeira


Segundo se deu conta esta mañá na Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19, ata este momento hai presentadas un total de 185 obras ao concurso AnimArte na Casa: iniciativa posta en marcha polo Concello de Ribeira o pasado 25 de marzo coa fin de, por unha parte, amenizar o confinamento da veciñanza, e, por outra, apoiar ao comercio, a hostalería e a restauración local pechada pola pandemia, pois está provisto de 20.000 euros distribuídos en premios por categorías (11 en total, cada unha das cales ten 3 subcategorías en función do tramo de idade) e sorteo de vales de compra entre os participantes (as bases poden consultarse na páxina www.ribeira.gal).

 

Cómpre lembrar que o concurso AnimArte na Casa se prolongará mentres dure o Estado de Alarma e que as obras presentadas nas diferentes categorías (artes plásticas, artes escénicas, conto, poesía, cómic, peza musical, etc…) publícanse na páxina de Facebook Entérate do Concello de Ribeira, onde son os “gústame” dos visitantes os que decidirán as obras gañadoras nas 33 modalidades (11 categorías x 3 franxas de idade), cada unha das cales está recompensada con vales de compra por valor 150 €. Ademais, entre os participantes nos concurso sortearanse 500 vales de compra de 30 €. En ambos casos, a investir nos comercios e locais de hostalería e restauración que se adhiran ao certame.

 

Adhesión

A este último respecto, aqueles establecementos do municipio afectados polo COVID-19 (de acordo cos catálogos recollidos nos distintos decretos gubernamentais) que queiran adherirse teñen que enviar os seguintes datos por correo electrónico a turismo@ribeira.gal ou ao teléfono móbil 686 587 000:

  • Nome comercial do establecemento e NIF/CIF con datos fiscais
  • Enderezo do establecemento e IBAN da conta bancaria
  • Nome e apelidos e teléfono de persoa de contacto

 

O prazo para anotarse ten como data límite a da fin do Estado de Alarma.